luns, 23 de abril de 2018

Os soportes da escritura



Hoxe en día atopamos libros en calquera lugar ao que imos e rara é a casa que non conta cando menos con un par de exemplares; as temáticas son infinitas, desde libros de aventuras a misterio, de enciclopedias a grandes clásicos, hai milleiros de libros e de historias. Os avances tecnolóxicos foron máis alá e os libros electrónicos están xa a orde do día, podemos levar sen decatarnos centos de libros con nós a calquera lugar, e escoller aquel que máis se nos antolle mentras agardamos o tren ou estamos de vacacións. O tanxible deu paso ao intanxible.

Pero todos sabemos que esto non sempre foi así, dende a aparición da escritura, alá polo ano 3200 a.C ata hoxe, moitos foron os soportes que se utilizaron para escribir e as temáticas, como non, tamén moi distintas.
Aínda que non é escritura propiamente dita, sí que o podemos considerar como un sistema de comunicación, polo que non podemos deixar de nomear as grandes pedras e o interior das covas como soportes para gravar os petroglifos ou as pinturas rupestres.


     Petroglifo en Anllo, Sober.Fonte O Colado do Vento


En sentido estricto, a escritura máis antiga coñecida é a cuneiforme sumeria (aproximadamente no 3200 a.C) que se conserva en tabliñas de arxila, polo que podemos decir que este é o material sobre o 
que se conserva a escritura máis antiga. Son placas moi finas, de forma cadrada e coas esquinas algo redondeadas; cando aínda estaban húmidas e brandas incidíanse con unha cuña de metal, marfil ou madeira. A súa forma, xeralmente lisa pola parte en que se escribía e algo convexa pola cara oposta, facilitaba a súa almacenaxe en nichos, ocos na parede. A función das tablillas eran, básicamente rexistros de contabilidade e de actividades burocráticas, administrativas ou comerciais.
 Este era un material pesado, difícil de transportar e moi fráxil.









A madeira tamén se usaba como soporte para a escritura; tiña a vantaxe de ser máis abundante, barata e doada de preparar e podía usarse para grabar mensaxes sen estar protexida pero normalmente  recubríase con cera ou estuco; formábanse dípticos ou trípticos con elas, e incluso se lles engadía unha especie de asas para suxeitalas.
Nas tablillas de cera esgrafiábase o texto con facilidade, con un estilo metálico ou outro obxecto punzante; os estilos tiñan no extremo oposto á punta, un acabado romo en forma de espátula co que se raspaba a cera, se aplastaba e alisaba reutilizándose novamente.




 A pedra é o material máis consistente, non precisa preparación e é moi duro e resistente. É o soporte por excelencia da epigrafía grega e, especialmente, da romana. En pedra grabábanse as inscripcións triunfais, votivas, sepulcrais, decretos, etc.
Para grabar unha escritura sobre a pedra realizábanse uhna serie de actividades ben definidas: cortar a pedra, darlle forma e facer molduras ou decoracións; os encargados destas tarefas eran o lapidarius ou o marmorarius. A continuación, deseñábase o espacio epigráfico que ía  ocupar na pedra e debuxábanse as liñas por onde se debían trazar as letras, así como as formas destas, con xeso, carbón ou materia similar; despois  o lapicida ou sculptor  esculpía a pedra. Non obstante, non todas as pedras necesitan destas fases na súa elaboración. Xeralmente esto dábase en inscricións monumentais públicas, ou sepulcrais privadas con intención de perdurabilidade e de exposición pública.





Edicto de Bembibre

Tamén os metais se usaban como soporte para escribir e o bronce é, sen dúbida, o máis importante; resultaba moi costoso e difícil de grabar, pero era moi prezado para escribir documentos xurídicos como decretos, leis, diplomas militares, leis de hospitalidade, etc






Ata aquí falamos dun tipo de soportes que podemos chamar inscritos, nos que a escritura se fixa por procedementos de incisión ou trazado coa punta seca e non só podían ser en arxila, pedra, madeira ou bronce senón que tamén se usaban os ósos, as cortizas das árbores e metais como o ouro.
Outro tipo de soportes son os chamados escritos nos que a escritura se escribe, debuxa, caligrafía ou imprime; ben con pinceis, plumas, lápices, rotuladores, etc.



Aquí atopamos materiais coma o papiro o cal constitúe un dos rasgos característicos da cultura exipcia; é unha planta palustre da familia das cipéraceas (cyperus papyrus), que crecía abundantemente gracias ao clima e ao carácter cenagoso das marxes do río Nilo en Exipto, así como en Siria, Etiopía e Palestina.
Non soamente se usaba para escribir senón tamén como alimento e como materia prima para elaborar cestas, roupas,vendaxes ou fármacos.
Para preparar o papiro para esribir había que cortar a planta e cortar a parte central do talo en láminas que se colocaban superpostas e entrecruzadas sobre unha táboa humedecida formando capas que constituían a trama característica do papiro; golpeábanse para alisar o tecido, prensábanse e logo secábanse ao sol; as follas resultantes únense con unha pasta feita de auga, fariña e vinagre, logo facíanse rollos de papiro con unhas vinte follas (tomus)


 
 Escribíase sobre el con un cálamo feito de xunco cortado a bisel.










Outro dos soportes ben coñecidos foi o pergameo, máis consistente e abundante que o papiro aínda que de factura moi laboriosa tamén; a  pel dun animal, normalmente becerro, cabra, ovella ou carneiro, deixábase a remollo en auga durante un prolongado período de tempo, logo dábaselle cal para eliminar a epidermis, evitar que pudrira e eliminar o pelo; seguidamente  raspábase, estirábase e tensábase sobre un bastidor donde se continuaba raspando e se lle daba un tratamento de auga e pó calizo varias veces. Unha vez seco e quitado do bastidor apóiase nun cabalete e vólvese rascar e pulir con pedra pómez, agora en seco, para facela máis fina e flexible




A tradición atribúe o descubrimento do papel a Tsi Lun, un oficial do emperador chino da dinastía Han polo ano 105 d.C aínda que tardou bastante tempo en difundirse por Occidente, non é ata os séculos X e XI cando se empeza realmente a usar en Europa tardando en desprazar ao pergameo.
Segundo Lucien Febvre e Henri-Jean Martin, as análises microscópicas amosan que para confeccionar o papel se tecían fibras de cáñamo que ás veces se mesturaban con liño; desfacíanse nunhas pilas e  deixábanse macerar e fermentar en agua, para conseguir una pasta moi fina, a base de golpeala. Formábase un produto de fibriñas de celulosa que se depositaba nunha cubeta metálica a temperatura constante, na que se introducía un tamiz rectangular constituido por filamentos entrecruzados que compoñían unha trama. Segundo a disposición destes filamentos, así eran as formas e así daban lugar a distintos tipos de follas, xa que con este utensilio recollíanse as materias en suspensión que tiña a pasta de papel e con elas se formaba unha fina película que se extendía sobre un fieltro para secar. As follas resultantes prensábanse para alisalas e despois colábanse de unha en unha.
 
 
A aparición do papel supuxo un feito de gran relevancia xa que entre outras cousas era máis maleable, máis duradeiro e tamén máis barato; e aínda que o formato de follas unidas xa existía cos pergameos (os codex) vai ser coa aparición do papel cando ésta se extenda.
A reproducción dos codex (cadernos plegados, cosidos e encadernados, coñecidos  desde o s I, pero que non se difundiron ata o s. IV) ou de calquer outro documento facíase a man e qué mellor xeito de imaxinalo que a través do libro “El nombre de la Rosa” onde podemos encadrar a figura dos monxes copiando grandes libros.

 Neste senso, outro dos inventos de especial relevancia foi no s.XV a imprenta da man de Guttenberg e aínda que desde os s. VII - VIII os chineses, coreanos e xaponeses xa imprimían textos a través do uso de bloques de madeira será a imprenta de Guttenberg a que introduza a impresión tipográfica alfabética en Europa.
 











xoves, 19 de abril de 2018

ARXERIZ E TOR NA MUSEUM WEEK

 O Ecomuseo de Arxeriz e a Rede Museística Provincial participan, unha vez máis na MueumWeek, unha iniciativa que se desenvolverá entre o 23 e 29 de abril e que ten como finalidade a difusión, nas redes sociais, do contidos dos centros museísticos de todo o mundo.

Máis información en La Voz de Galicia. Edición Lemos

domingo, 25 de marzo de 2018

DOMINGO DE RAMOS

Entrada de Jesús en Jerusalén de Pedro de Orrente (1620)
O Domingo de Ramos é o primeiro día da Semana Santa, día no que os cristiáns conmemoran a entrada de Xesús en Xerusalén.

Olea europaea
Ata non fai moitos anos, en tódalas parroquias da contorna, veciños e veciñas, e sobre todo nenos e nenas, achegábanse á igrexa cun ramo vexetal para que fose bendecido polo curra da parroquia.
Estes ramos adoitaban ser de loureiro Laurus nobilis ou de oliveira Olea europaea, aínda que tamén había ramos "con ruda, loureiro, mirto, oliveira e outras plantas" (Mariño Ferro, X.R.; González Reboredo, X.M.; Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galicia, 2010, pp.394).
Antonio Fraguas e Fraguas en "La Galicia insólita. Tradiciones gallegas" apunta que os homes levaban un ramo de oliveira e "Las mujeres preparaban un ramo grande, algunas exageradamente grandes, casi como un haz, en el que se juntaba ruda, oliva, acevo, pau de San Gregorio, laurel, laurel real, mirto, y otras plantas." (Fraguas y Fraguas, A.; 2001, pp.104).
Laurus nobilis

Esta celebración moito cambiou, "Perdeuse a competitividade entre os mozos, que se presentaban na igrexa ás veces con árbores. Pola contra, as mozas non os levaban tan altos, pero soíanos adornar con fitas, papeliños de cores, flores, laranxas,... Había bisbarras que ademais portaban pólas de romeu, ruda, buxo, acevo,..." (González Pérez, C.; 1992, pp.68).
Este ramos gardábase nas casas durante todo o ano e era utilizado, por exemplo, cando había unha treboada, para botar no lume e escorrentalo fume. Tiña a función de protexer leiras, casas, cortes, hórreos, de espantar o mal fario, a mala sorte e tódolos perigos e males.

 "Nalgunhas parroquias os nenos levan a bendicir unha rama de acevo, que logo usan para afalar o gando" (Mariño Ferro, X.R.; González Reboredo, X.M.; 2010, pp. 394); por iso tiña que ser ben grande e dereitiño coma unha vela.

Así recolle estes usos Antonio Fraguas:
"El "Ramo" se guardaba en casa para bendecir los campos y para quemar unas cuantas ramitas cuando truena. En Oirós (Villa de Cruces), las hierbas del ramo se echan en las fincas para que produzcan más y otras se ponen en las cuadras para guardar los animales. En las cuadras después de bendecirlas, se colocaba detrás de la puerta un ramo de olivo. En Padrón se bendicen las tierras con el agua bendita de Pascua con las siguientes palabras:
 Dios te bendiga, fruto,
toupas e ratos salten de ti,
que a auga da Pascua
pasou por aquí.
El "Ramo" podía ser empleado también para bendecir ciertas enfermedades del ganado (...)"
OLLAR GALICIA. FOTOGRAFÍA ANTIGA.
Domingo de Ramos, Pontevedra, 1960.

Os ramos fóronse substituíndo paseniñamente polas palmas, a maioría delas procedentes do Levante ou das Illas Canarias, que se chegaron a converter nun símbolo de estatus, xa que eran as familias pudentes as que podían permitirse agasallar ós pequenos da familia cunha palma para que levasen á misa o día no que toda a veciñanza acudía coas súas mellores galas.


xoves, 22 de febreiro de 2018

BUSCAN EN ARXERIZ O RASTRO DOS CEREAIS CULTIVADOS E CONSUMIDOS POLOS HABITANTES DO CASTRO


No Ecomuseo de Arxeriz estase a utilizar unha "técnica de investigación que non se empregara con anterioridade en ningún xacemento arqueolóxico do sur da provincia. O método coñécese como análise macrobotánica e a súa finalidade é detectar restos das sementes e plantas - principalmente cereais- que foron cultuvadas e consumidas polos habitantes deste asentamento.
(...)
As mostras de terra, por outra parte, non se recolleron só no chan dos antigos graneiros senón tamén noutras partes do castro. Ademais de obter datos sobre as plantas cultivadas, os investigadores esperan tamén conseguir mostras de vexetación silveste desa época."
Noticia completa en La Voz de Galicia


sábado, 17 de febreiro de 2018

A TÉCNICA DE FLOTACIÓN NO CASTRO DE ARXERIZ

Cando se está a levar a cabo un proceso de escavación téndese a pensar que os únicos materiais que se recollen son aqueles que aparecen de xeito ben recoñecible como anacos de cerámica, líticos, metais, etc; pero hai outros materiais como as sementes, os carbóns ou restos de madeira, que aportan moita información e que para recollelos é preciso utilizar unha técnica algo diferente.
Neste caso imos falar da técnica de flotación: que é, en qué consiste ou cal é o seu cometido.

Primeiro de nada temos que saber que os restos de plantas carbonizados como sementes, madeira, etc. se  poden conservar miles de anos e, aínda que se consideran “artefactos macrobotánicos” (visibles a simple vista), para recollelos requírese da aplicación de técnicas adicionais como a FLOTACIÓN, utilizada polos arqueólogos no campo.

     A flotación, basicamente, procura separar a matriz de solo dos restos de plantas que flotan na superficie; é decir, separa a terra daqueles outros materiais que non o son, tal como as sementes, e  esto é posible porque os sedimentos en sí non flotan, caso contrario aos restos de plantas carbonizados que quedan suspendidas na superficie, xa que son menos densos.
 Esta simple e eficaz técnica permite aos arqueólogos recuperar certos restos que aportarán unha perspectiva distinta, por exemplo, sobre a dieta ou o uso de plantas en xeral nas antigas sociedades.


Flotación manual

Unha das técnicas máis básicas de flotación é a manual: os sedimentos ou restos de solo son colocados nunha cubeta á que se lle engade agua, arremolinando o seu contido, logo vértese con coidado nun tamiz, no cal  se capturan as partículas máis lixeiras, mentras os restos máis pesados quedarán na cubeta.

Esta técnica soe ser económica e fácil de instalar pero pode levar moito tempo e  man de obra intensiva, polo que non se recomenda no procesamento de sedimentos que presentan mostras moi grandes.



Máquinas de flotación

Outra das técnicas é mediante o uso de Máquinas de Flotación , máquina que foi usada para os sedimentos do castro de Arxeriz. Funcionan como un sistema de criba integral que permite recuperar todo o material arqueolóxico e bioarqueolóxico de pequeno tamaño. A auga pode obterse da rede ou mediante bombeo, por exemplo dun río; se é escasa  pódese reutilizar ao longo dunha xornada de traballo mediante un sistema cerrado. 
A malla interior onde se lava o sedimento soe ser de 1 mm aínda que se aconsella mellor de 0,5 mm; a malla exterior onde se recolle a fracción que flota debe ser preferentemente de 0,25 mm.

É importante revisar os residuos da flotación (a fracción que non flota e que queda lavada no interior da máquina) xa que nela quedan materiais arqueolóxicos diversos (restos líticos e cerámicos en xeral, microfauna, carbóns que non flotaron, etc). Para elo é habitual secalo e cribalo en varias fraccións utilizando unha torre de cribas de varios tamaños.




   Despois de flotar o solo, extráense dous tipos de mostras:
- A fracción pesada composta de rochas, ósos e outros materiais máis pesados​​.
- A fracción lixeira composta de restos lixeiros de plantas, tales como madeira e sementes, así como ósos pequenos. 
As mostras colócanse á sombra para secar e unha vez secas son enviadas a un laboratorio para a súa análise.

¿Qué podemos atopar?

Os materiais que podemos atopar son por exemplo madeiras carbonizadas que aportan información sobre o tipo de madeira usada, preferencias, etc. restos carpolóxicos (sementes, grans de plantas cultivadas) que ofrecen información sobre a agricultura no pasado; sementes de plantas silvestres que proporcionan datos sobre a recolección e sobre as malas herbas e, indirectamente, sobre o procesado dos cereais e as prácticas agrarias; elementos da palla do cereal; froitos enteiros ou partes deles como belotas, raíces, talos, fragmentos de follas, flores, ... 




Este tipo de traballos son moi importantes porque permiten recoller certo tipo de materiais que, unha vez estudiados no laboratorio, aportarán unha grande información sobre moitos dos aspectos da sociedade á que pertenzan.

No castro de Arxeriz lévaronse a cabo estes traballos, utilizando a máquina de flotación arriba exposta, coas mostras de materiais que os arqueólogos foron recollendo durante as distintas campañas de excavación.
Teremos que agardar para ver os resultados.

mércores, 7 de febreiro de 2018

OS CASTROS DO CAMIÑO DE INVERNO ALIARANSE PARA ATRAER PEREGRINOS

"Os promotores dos proxectos arqueolóxicos que se desenvolven nos castros de Cereixa - no concello da Pobra do Brollón - e Arxeriz - no Saviñao - teñen previsto manter o mes próximo unha serie de reunións co fin de planear iniciativas para reforzar a relación destes enclaves co Camiño de Inverno.
Noticia completa La Voz de Galicia

sábado, 20 de xaneiro de 2018

ESTATÍSTICAS 2017 DO ECOMUSEO


"Ó longo do 2017, pasaron polas nosas instalacións un total de 5804 persoas. O 64% dos visitantes  eran de Galicia, na súa maioría -un 44%- da provincia de Lugo"

Noticia completa en La Voz de Galicia

xoves, 18 de xaneiro de 2018

LUME E TRADICIÓN

O lume é un elemento fundamental na cultura popular galega, estando presente en tódalas estacións do ano e relacionándose con diversos rituais e festividades; elemento que nos une a unha gran variedade de poboacións dispersas polo planeta.
Fogueira de San Xoán
Así o recolle Manuel Cabada Castro no seu artigo “Da anterga sacralización do lume ó actual ritual da queimada” (GRIAL nº129, 1996, 43-70) onde fai un repaso polos distintos rituais nos que está presente, dende o lume novo, o magosto, o tizón de Nadal, o lume do antroido, o lume coresmal, o lume de maio, as fogueiras de San Xoán ata a antiga e actual queimada. Neste mesmo artigo conclúe que “(...) pódese dicir que na cultura galega tradicional o simbolismo do lume ten unha presencia central e constante ó longo de todo o ano. O lume é vivido como sagrado, símbolo de vida, con eficacia purificatoria e protectora en moi variadas dimensións do existir individual e grupal.”
Nisto tamén concorda Carmelo Lisón Tolosana en “El fuego: permanencias y variaciones enigmáticas” (El fuego. Mitos, ritos y realidades, 1995, 25-41) onde recolle que o lume era utilizado como protector de persoas, animais e casas; contra meigallos e mal de ollo; pra “queimar a fada”, “o mal de araña”, “do aire” e “o enganido”.
Xosé Ramón Mariño Ferro e Xosé Manuel González Reboredo no seu Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galicia (2010, 180 ) sinalan que “Os historiadores e etnógrafos, así coma algúns amantes das tradicións locais, tenderon a interpretar estes rituais ígneos como unha lembranza de vellas crenzas pre ou protohistóricas, concretamente relacionados cun pretendido pasado celta de Galiza.”
Fachós de Castelo (Taboada)
E así o recolle a “Gran Enciclopedia Gallega” na defición da palabra folión, onde Antonio Fraguas considera a posibilidade de que sexa un culto pagano cristianizado (Tomo XIII, 123-125)
Na Ribeira Sacra teñen moita sona tres festividades nas que o elemento principal é o lume: o folión de fachas de Vilelos, a queima das fachas de Castelo e a festa dos fachóns de Castro Caldelas, rituais onde a poboación local segue a manter viva a tradición de elaborar uns fachicos que alumearán a súa parroquia o día antes do patrón ou patroa da parroquia.
Nestes tres casos o lume convértese no “anunciador” da gran festa, “(...) é o chamado folión. Celebrado a véspera da festividade, ao anoitecer. Foi habitual en terras da provincia de Ourense e no sur de Lugo, e supoñía subir a un lugar destacado da paisaxe parroquial, como un outeiro ou un castro, e alí lanzar foguetes ou acender lumes que podían durar ata avanzada a noite.” (X. R. Mariño Ferro, X. M. González Reboredo,2010, 180).
Fachas de Vilelos
“De noche y al compás de las gaitas, van los hombres ascendiendo lentamente y como en procesión, llevando una luz en la mano, por las laderas del monte. Una vez en la cima forman un círculo en torno a los que hande disparar los fuegos artificiales, y mientras estos se queman, permanecen ellos graves y en silencio, en la mano la luz encendida y presenciando el disparo de los cohetes como si se tratase de una ceremonia importante”. (M. Murguía, Galicia (1888), 175).

As Fachas de Castro Caldelas
Esa luz da que fala Manuel Murguía son os atados vexetais ós que fai referencia X. M. Vázquez Rodríguez no artigo “Cerimonias de véspera. Os folións na ribeira sacra” (Boletín do Museo Provincial de Lugo, nº8, 1997, 215-290):
Os atados vexetais secos (palla, madeira, piñas...), que se usaban a modo de teas para alumarse na noite, son chamados co nome de “fachas” e as súas varinates –“fachos”, “fachóns”, “fachicos”, “fachucos”, “fachuzos”, etc. -. O uso de fachas era común en numerosos folións nocturnos na Ribeira Sagrada, estando estas na súa maioría construídas con agucios. Os agucios son os talos dunha planta coñecida en galego como abrótega, abondosa en montes baixos, e que unha vez recolleitados cando están secos e atados a un pao revestíndoo, prendíaselles lume, sendo a cobustión lenta polo que a iluminación era prolongada. Para elaborar as fachas utilízase ademais a “palla longa” das malladoras, atada a un pau cando o tamaño da facha era grande, á que se lle podían engadir “gamós” ou agucios.”
 
Agucios no castro de Arxeriz (O Saviñao)
·         O folión de fachas (Vilelos, O Saviñao)
Celébrase no mes de setembro, na véspera da festa da parroquia. Os veciños de Vilelos confeccionan as fachas con agucios que recollen previamente no mes de agosto, cando estes están ben secos. Elaboran varias fachas para subir ó castro, e un par delas de grandes dimensións que quedan chantadas no campo da festa, ó pé do castro da Besta.

Atado de agucios 
Arredor das doce da noite, comezan a prenderse as fachas individuais e veciños e público comezan a procesión cara a cima do castro, acompañados por un grupo de música tradicional rodean a croa do castro varias veces e volven ó campo da festa para prender as fachas maiores, e namentres arden actúan outro par de grupos musicais e sérveselles ós asistentes queimada e rosca con queixo.


·         Queima das fachas (Castelo, Taboada)
Esta celebración ten lugar a véspera da festa da parroquia de Castelo, no mes de setembro.
Os veciños da parroquia, normalmente cada casa, elaboran a súa facha, de grandes dimensións, e chántanas na croa do castro, onde se sobe despois da cea que comparten no campo da festa.
Cando rematan de arder, báixase ó campo da festa, ó pé do castro, e unha orquestra ameniza a velada ata ben entrada a madrugada.

·         Festas dos fachóns (Castro Caldelas)
A diferencia das dúas anteriores, a festa dos fachos de Castro Caldelas celébrase no mes de xaneiro, mais tamén a véspera do día do patrón.
Os veciños e veciñas desta vila, na actualidade é o concello o encargado, elaboran un gran facho que se coloca na praza diante da igrexa; e máis fachos de menor tamaño para que os asistentes á celebración poidan portar e pasear con eles acesos polas rúas do casco vello. O material vexetal utilizado neste caso é a palla, para o que, na actualidade, hai que programar a sementeira, sega e malla do pan, xa que é un cultivo que non abunda no noso rural.
Ó comezo é habitual que un folión (grupo de persoas que tocan un ritmo propio con instrumentos de percusión e apeiros de labranza) dalgunha das parroquias do concello animen a festa.
Ó rematar o percorrido, acéndese o gran facho e tíranse a el os restos dos que quedan ardendo. Namentres se queima sérvense chourizos asados con pan e viño, e un grupo de música tradicional acompaña ós bailadores ata que remata a festa ó apagarse o gran facho.
Gran facho final en Castro Caldelas

Olegario Sotelo Blanco describe en varios traballos a “Festa dos Fachós”, á que tamén chama “procesión dos fachós” de Castro Caldelas. Ó anoitecer comeza o desfile logo de concentrarse na entrada da vila pola estrada de Ourense, este percorrido faise con fachóns de palla acesos desde a praza do Prado, pasando polas rúas empedradas mentres as campás da igrexa non deixan de tocar, ata voltar ó Prado onde se queimarán as tes nunha gran fogueira diante do santuario, bailando arredor e ata saltando por riba do lume, botando o fogo polo aire, rematan barrendo a borralla polo chan e aventando as cinzas que logo serán estendidas polo pobo. Tamén se recolle que unha bomba de palenque é o sinal do comezo da marcha, na que se cantan coplas alusivas ó santo como “Viva San Sebastián, o bispo e o can”, ou “E a Marcela, e a cadela...” entre outros vítores a persoas coñecidas da comunidade, acompañadas no desfile por uns gaiteiros. Non falta a competitividade entre os mozos por levar o fachón máis grande, superando os doce metros de altura algúns exemplares no ano 1978.” (Boletín do Museo Provincial de Lugo, nº8, 1997, X. M. Vázquez, 228).