mércores, 15 de novembro de 2017

OS CARACOCHOS

Imos falar dunha tipoloxía de cubetes que por estaren feitos dunha soa peza, un tronco de castiñeiro baleirado no seu interior, reciben o nome de caracochos. 
Foron moi utilizados ata a primeira metade do século XX na zona vitivinícola que coñecemos como Ribeira Sacra, atopándose en calquera tipo de adega desde as máis sinxelas e pobres ata as adegas de casas grandes.

Un caracocho é, literalmente, un tronco de árbore oco; fundamentalmente están feitos de troncos de castiñeiros pola combinación de  duración e facilidade de vaciado que ofrece esta madeira.

O proceso de elaboración é sinxelo: a árbore córtase en lúa vella e coa savia baixa (normalmente en xaneiro) co fin de aproveitar a súa madeira nalgún aspecto construtivo (vigas, táboas,mobiliario, cubas,etc); resérvase unha parte do tronco para facer un cubete, segundo as necesidades e posibilidades de cada quen, que serviría para gardar o viño.
Estes cubetes teñen, entre outras características, seren distintos uns de outros tanto en capacidade como en forma exterior xa que non hai dous troncos iguais; así, na colección do Ecomuseo temos caracochos que van desde os 40 cm ata 90 cm de diámetro e desde 55 ata 1,20 cm de alto.



Colección de caracochos do Ecomuseo de Arxeriz



Esta técnica construtiva hai que encartala dentro dunha economía de subsistencia onde cada unidade familiar traballaba arreo para a mantenza da mesma e a ser posible obter un pequeno excedente co que intercambiar produtos ou ben ter acceso a outros bens. Utilizábanse tódolos elementos naturais do entorno para dotar a esa unidade dos elementos básicas cos que desenvolver a vida cotiá.

Caracocho con arcos de ferro


O habitual era que un carpinteiro da zona fixese todo o proceso, desde o traballo de baleirar o tronco do castiñeiro ata ensamblar os tempos (a parte máis complexa). Para facer a peza seleccionábase unha parte do tronco cunhas características de certa uniformidade exterior e que estivese en bo estado, sen demasiadas feridas, nudos ou fendas e a partires de ahí iniciábase o proceso de baleirado comezando polas cabezas do tronco; as primeiras capas sácanse con cuñas de madeira e coa machada en forma de cuña e logo rematábase o baleirado con distintos tipos de aixolas ata deixar o  interior uniformemente oco e cun grosor de  entre 3 e 4 cm segundo a envergadura do cubete.






Logo está o proceso de pechar os extremos que reciben o mesmo nome que nos cubetes ou cubas de táboas, son os tempos: táboas feitas con un compás para teren un deseño e encaixe perfecto e que pechan as cabezas do caracocho formando un círculo e encaixando nun rebaixe, o garguelo, feito a 3 cm da boca do tronco (a táboa cunha parte semicircular denomínase rodo).


                             
Á esquerda e dereita diferentes vistas sobre un garguelo

Na metade da lonxitude do tronco abríase unha boca rectangular e o resto utilizábase de tapa; cun berbiquí facíase un buraco para colocar a canela por onde sacar o viño e que adoitaba estar feita de sabugueiro a modo de tapón con outro oco no centro que logo tapaba unha billa preferentemente feita de tronco de toxo e que era a que servía para abrir e pechar a saída do viño.


Boca dun caracocho


Boca con tapa



Canela

Ó caracocho xa rematado, póñenselle uns aros de ferro que axudan a evitar fendas no tronco e a amparar a estrutura, dous ou catro aros por tronco e o caracocho pasaba a ser un cubete que, segundo o tamaño servía para facer viño pero principalmente para gardalo logo da trasfega e ilo consumindo ao longo do ano.

Tamén hai caracochos feitos para dar acubillo a un enxamio de abellas e sacar unha colleita de mel; neste caso o procedemento para baleirar o tronco é similiar ó destinado para o viño, só que para esta función déixanse os extremos do tronco abertos; no interior colócanse  unhas varas en forma de cruz na parte central do tronco, axustándoas nun pequeno oco de asento, sobre elas vaise pousar o enxamio; o tronco ponse ergueito nun lugar ben orientado e cóbrese cunha lousa, deixando a entrada por unha fendidura na parte inferior.

Os caracochos deixaron de facerse a partir da segunda metade do s.XX e seguíronse usando ata os anos 70/80, momento no que se comezou a xeneralizar o uso de outro tipo de recipietes feitos de outros materiais, quedando arrinconados no olvido das vellas adegas ou sendo reutilizados para outros fins moi distintos. 
Hoxe é difícil atopalos e coa súa desaparición tamén se foi unha tecnoloxía tradicional e un modo de vida e producción que tiña no seu entorno boa parte das cousas que necesitaba para desenvolverse.

domingo, 29 de outubro de 2017

O CASTRO DE ARXERIZ ABERTO Ó PÚBLICO

Os traballos de consolidación dos restos exhumados no castro de Arxeriz durante esta V campaña de escavación xa deron por finalizados.
Os visitantes do Ecomuseo de Arxeriz poderán achegarse no horario de apertura ó público ata o xacemento para poder ver os avances levados a cabo durante estes dous meses.



Noitica completa en La Voz de Galicia

domingo, 22 de outubro de 2017

RESULTADOS DA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓN NO CASTRO DE ARXERIZ 2017


A mediados do mes de agosto daba comezo a V campaña de escavación do castro de Arxeriz promovida pola Fundación Xosé Soto de Fión.
Este castro, do que a primeira referencia a atopamos en 1953 na obra “Los castros de la tierra del Saviñao” escrita por Cuevillas e Fraguas, presenta unha serie de características que o fan único ata o de agora.

O que se pretendía este ano era a ampliación do sector 5, cara o sur deste sector e cara o oeste, co fin de exhumar as dúas estruturas que na campaña anterior quedaran parcialmente descubertas e, á súa vez, abrir un novo sector que axudase a definir máis a ocupación na zona da croa.

AMPLIACIÓN DO SECTOR 5
En total estamos a falar dunha superficie total aproximada de 140 m2 e dun tempo de traballo de campo de 6 semanas.

PANORÁMICA AMPLIACIÓN SECTOR 5
SECTOR NOVO




Os resultados obtidos foron moi positivos xa que no sector 5 ademáis de exhumar de forma completa as estruturas parciais, apareceron dúas novas, e no novo sector suman un total de 3. 

PANORÁMICA DO SECTOR NOVO GRANEIRO
A maior parte delas correspóndense con un tipo de estruturas que non son nada habituais neste tipo de asentamentos, os graneiros, lugares de almacén con unha disposición moi específica: a colocación no chan de 9 bases de pedra sobre as que hipotéticamente se colocaría un entarimado de madeira para illar o gran da humidade, á vez que as paredes estarían recubertas dunha masa arxilosa que axudaba a conservar tamén a temperatura.
En todas as campañas que se realizaron (2013-2017) as estruturas que foron aparecendo correspóndense coa mesma tipoloxía: forma rectangular e/ou cadrada de esquinais curvos.

DETALLE PERFIL SECTOR 5
Os materiais atopados corréspondense sobretodo con cerámicas características deste tipo de asentamentos e que a penas presentan decoración; varias fusaiolas, algunha delas decoradas e outras reaproveitadas; un par de fíbulas de bronce; muíños de man e varios afiadores entre outras.


FUSAIOLA CON DECORACIÓN CASTRO DE ARXERIZ



Unha vez rematado o proceso de escavación comezouse outro proceso igualmente importante, a consolidación das estruturas que permite protexelas do paso do tempo; utilizouse para elo un morteiro que imita ao existente nos paramentos das construcións orixinais, tanto en composición como en cor e textura.

VISTA GRANEIRO AMPLIACIÓN SECTOR 5
A Fundación, a partir deste ano, tratará de afondar máis na investigación deste asentamento para poder aclarar o motivo desta especialización no cereal e para aportar máis datos sobre a cultura castrexa que permitan avanzar no coñecemento destes asentamentos da Idade do Ferro.



sábado, 7 de outubro de 2017

A FÍBULA DO CASTRO DE ARXERIZ


No Ecomuseo de Arxeriz temos á venda un recordo único: a réplica dunha das fíbulas atopadas no castro de Arxeriz, concretamente, na campaña realizada durante o ano 2015.
Esta peza foi realizada en bronce patinado e reflicte tódolos detalles da peza orixinal.
É unha fíbula do tipo transmontano, característica do período entre os séculos III ó I a.C.

Noticia de La Voz de Galicia

venres, 6 de outubro de 2017

ARXERIZ, UN CASTRO QUE PODE CAMBIAR A HISTORIA DA ROMANIZACIÓN

Durante esta semana estase a traballar na consolidación dos restos desenterrados durante esta V campaña de escavación.
Entre estas estruturas "destacan los vestigios de cuatro construcciones similares a otras cuatro que fueron exhumadas con anterioridad y que según todos los indicios se utilizaron como almacenes de grano. La abundancia de estos graneros supone un caso único en los castros gallegos y, según los responsables del museo, puede llevar a replantear las ideas actuales sobre la cultura castreña y los inicios de la romanización en Galicia".


 Noticia completa en La Voz de Galicia

venres, 28 de xullo de 2017

O PRIMEIRO ALBERGUE DE PEREGRINOS DA COMARCA DE LEMOS

A Fundación Xosé Soto de Fión vén de presentar nas oficinas municipais do concello de O Saviñao o proxecto para abrir un albergue no edificio que, no seu día, serviu de escola no lugar de Arxeriz, Fión; situado a uns centos de metros do Camiño de Inverno.


O proxecto contempla a adecuación do vello edificio para dotalo de 24 prazas mailos servizos correspondentes de comedor, cociña, sala, baños e lavandería. Na parcela acondicionarase unha zona axardinada con algunhas árbores máis que proporcionen sombra, ademais poderá seguir sendo utilizada como campo da festa da parroquia.
Consideramos que o paso do Camiño pola zona vai axudar a dinamizar socioeconómicamente os lugares polos que pasa, pero para que isto sexa unha realidade necesítanse unha serie de infraestruturas e condicións que doten ao Camiño de elementos propios que o fagan atractivo para os camiñantes. Cómpre unha boa sinalización, hai que subliñar que este aspecto é o que se atopa máis avanzado, non é así no caso do acondicionamento da ruta que se debería atopar en perfectas condicións; isto non se cumpre en varias zonas limítrofes entre os concellos de Pantón e O Saviñao.
En terceiro lugar consideramos que para que o Camiño acabe consolidándose como unha importante ruta de peregrinación a Compostela debe dispoñer de instalacións coma os albergues que lle permitan aos camiñantes realizar e planificar os seus desprazamentos con comodidade. Neste aspecto queremos contribuir a potenciar o Camiño de Inverno e situar a parroquia de Fión como punto de referencia nesta ruta, xerando unha dinámica socioeconómica no medio rural como un dos xeitos de crear emprego e frear o despoboamento da zona.

Máis información nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia

domingo, 16 de xullo de 2017

OLA DE MAZAR O LEITE

Unha das tarefas fundamentais que se leva a cabo dende o "Ecomuseo de Arxeriz" é a e recuperación do patrimonio material e inmaterial do rural galego.
Esta misión comezouse antes de que as portas deste centro se abrisen no ano 2004, e, na actualidade, continúase a percorrer aldeas e vilas na busca das pezas que conservan as pegadas da historia dos nosos antergos, ademais de recoller os testemuños dun pasado case esquecido.
A peza que vos queremos presentar neste artigo é a última adquisición do Ecomuseo de Arxeriz que foi mercada a Eliseo Ribas; él mesmo infórmanos de que a ola sempre estivo na casa e que pertenceu aos seus avós, Ramona López e Antonio Expósito de Carrasqueiras, parroquia de Vilatán (O Saviñao).
Posiblemente, esta ola foi mercada polos seus antepasados en algunha das feiras que se celebraban no rural galego; a de máis sona na contorna era a de Augas Santas (Pantón), feira anual que cada 8 de setembro se ateigaba de oleiros e cacharreiros de Gundivós e Niñodaguia e das xentes da contorna que acudían a mercar o enxoval da casa.


Polas características que presenta, esta ola enmarcariámola na terra de Maceda, olería tradicional que se segue a conservar no concello de Montederramo (Ourense). Está composta por unha ola sen asas que presenta un vidrado propio, estas pezas eran introducidas no "baño" ata os límites do colo. E na parte superior, en madeira, está colocado o mazo (mango, parafuso, mazarico ou maza) e a rodela.

Esta peza era utilizada para "mazar o leite":

"Mázase dándolle arriba e abaixo, ata que se separe a manteiga do soro. (...) Segundo Xaquín Lorenzo, tamén elaboran manteiga batendo leite morno ata separar unha parte líquida, -o leite mazado, que tamén toman- e unha parte callada, que logo amasan como a nata. A manteiga obtida por calquera dos procedementos póñena nunha bóla, chamada pela, baluga ou petela, que envolven nunha folla de berza. Se non a consomen ou venden fresca, cócena para conservala máis tempo." MARIÑO FERRO, X.R.; GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.; "Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza", Vigo, 2010, p.234.



"Facer o leite" es una expresión equivalente a "mazar o leite". Con ello se quitaba la manteca a la leche, que era muy estimada, para vender en las ferias y en una pequeña parte para consumir en la propia casa. Retirada la manteca, quedaba "o leite mazado", o suero, que en la opinión de aquellas gentes era muy sabrosa y sana, al faltarle la grasa. No servía para hervir, pero "en frío" se echaba en los cachelos o se tomaba con pan en las "tazas", o como simple bebida para apagar la sed."
GARCÍA ALÉN, L.; "La alfarería de Galicia", A Coruña, 2008, p.205.

venres, 2 de xuño de 2017

APLICACIÓN DE TERMOGRAFÍA NO CASTRO DE ARXERIZ

A arqueoloxía xa hai décadas que usa a prospección guiada por termografía (imaxes de calor) para localizar posibles estruturas soterradas, pero, debido ao alto custo a penas era utilizada.
A situación cambia coa aparición dos drons que permiten non só voos a baixa altura que melloran a eficacia da técnica, senón que tamén resultan moito máis económicos e polo tanto esta técnica é moito máis asequible.
A termografía infravermella é unha técnica non destrutiva que rexistra cambios na temperatura dun corpo, é dicir, é capaz de captar radiación infravermella do espectro electromagnético emitida por un corpo.
Unha vez que se captan estas variacións de temperatura coa cámara termográfica vólcanse estes datos nun termograma ao que se lle asigna unha paleta de cores aos distintos intervalos de temperaturas e que amosará os distintos gradientes termométricos entre a rocha, a vexetación, etc.
Pero os resultados non van depender só da calidade da cámara senón que dependerán das condicións medioambientais que se rexistren nese momento, do tipo de solo sobre o que se realice a técnica, da potencia do solo, etc.
En condicións óptimas os resultados ofrecidos serían moi nítidos e claros xa que o diferencial térmico que se rexistraría sería moito maior, pero este tipo de condicións son moi difíciles de conseguir polo que os datos aportados non sempre son tan nítidos e polo tanto non se pode afirmar ou negar categóricamente a presencia ou non de estruturas soterradas.

O CASO DO CASTRO DE ARXERIZ
No mes de abril un dron equipado cunha cámara termográfica sobrevoou o castro de Arxeriz na procura de estruturas soterradas ou de pistas que axudasen a descubrilas.
A actuación centrouse na zona da croa coa intención de que, aínda que non fose de forma nítida, ofrecese algún indicio de estruturas para poder encarar máis directamente a seguinte campaña de escavación.
As tomas de datos realizáronse un día de calor despois das cinco da tarde, momento a partir do cal, as rochas comezan a emitir máis radiación infravermella que é capturada pola cámara termográfica que vai acoplada ao dron. A idea é conseguir que nas imaxes apareza un diferencial térmico elevado para así poder diferenciar unha estrutura, que presentaría unha lonxitude e anchura propias, da rocha, que aparecería diseminada por zonas. Para isto é moi importante ter calor xa que provoca que aumente o gradiente térmico entre os materiais.
Os resultados obtidos no voo que se realizou en Arxeriz permitíronnos obter datos sobre posibles estruturas soterradas, pero antes de analizalos veremos a paleta de cores utilizada.
A gama cromática asignada a estes termogramas foi a seguinte:
  • Cores brancas, amarelas e/ou laranxas indican moita radiación procedente da rocha natural que aflora en superficie, de restos de estruturas pétreas ou de amontoamentos das mesmas procedentes de derrubes.
  • As cores vermellas ou rosadas indican certa radiación tanto da rocha natural (máis profunda) como de elementos pétreos máis difusos que poderían corresponder a estruturas.
  • As cores azuis indican radiación practicamente nula, esto non quere dicir que non haxa estruturas soterradas senón que sería unha zona sombría con bastante vexetación ou profundidade.
Este sería un exemplo de termograma no que se obtivo bastante información:



Neste termograma pódese apreciar dende o esquinal da estrutura exhumada cal sería a súa lonxitude e en que direción se estende; ao seu carón aparece outra estrutura de menores dimensións seguindo a mesma dirección que a anterior.



Pero na maioría dos termogramas faise dificil atopar indicios de restos soterrados, sobre todo polo tipo de solo no que se atopa este castro.

Aínda que os resultados obtidos non se poden calificar de excelentes sí que se debe concluír que esta técnica aporta datos e información interesantes xa que confirman a existencia de máis estruturas aínda soterradas e das que non tiñamos noticias, así como a continuidade de outras parcialmente soterradas.
Aplicar esta técnica, previa a unha escavación, supón un complemento máis, un aporte de información en moitos casos necesaria para aportar indicios que nos axuden posteriormente no proceso de escavación.

Xa que, ás veces, mirar dende o ceo axuda a descubrir o que hai baixo terra.

venres, 19 de maio de 2017

BÚSQUEDA AÉREA DOS EDIFICIOS OCULTOS BAIXO O CHAN DO CASTRO DE ARXERIZ

"No castro de Arxeriz, no Saviñao, experiméntase cun método de prospección arqueolóxica que ata o de agora non se utilizara no sur lucense. A Fundación Xosé Soto de Fión, propietaria dos terreos nos que se atopa o antigo asentamento, realiza observacións cun dron equipado cunha cámara fotográfica térmica -ou infrarroxa- a fin de rastrear a posible presenza de restos de construccións enterrados no subsolo. Deste xeito espéranse localizar os lugares máis adecuados para realizar futuras escavacións.
Según explica José Antonio Quiroga, director do ecomuseo, a técnica baséase nos constrastes de cor que rexistran as cámaras deste tipo debido á diferenza da radiación térmica emitida pola terra, as rochas e a vexetación. Se se dan as condicións idóneas, estas fotografías permiten distinguir as estruturas construtivas ocultas no subsolo."
(...)
















"As primeiras probas con esta técnica leváronse a cabo na croa ou recinto central do castro, onde as escavacións realizadas nos últimos anos puxeron ó descuberto os restos de diversas construcións da época castrexa. Os responsables do museo recibiron onte unha valoración inicial dos resultados, que polo de agora son pouco concluíntes."
(...)
"Dado que o castro de Arxeriz ocupa unha superficie considerable, os promotores deste proxecto arqueolóxico privado pretenden evitar que haxa máis sondeos fallidos e ter a maior seguridade posible de que as escavacións que se realicen de agora en diante den bos resultados, para o que agardan que os drons presten unha importante axuda."

Ler noticia completa en La Voz de Galicia

mércores, 10 de maio de 2017

O MAPA TURÍSTICO MÁIS COMPLETO DAS IGREXAS ROMÁNICAS DO MIÑO E O SIL

"O Ecomuseo de Arxeriz - xestionado no Saviñao pola Fundación Xosé Soto de Fión - elaborou o primeiro mapa turístico que indica a situación de todas as igrexas románicas da Ribeira Sacra, tanto n territorio lucense como no ourensán. Na web do centro foi editada unha versión interactiva deste traballo, onde é posible ver fotografías de cada un destes templos pinchando nas iconas que as representan."


"(...) o plano foi elaborado tomando como base un mapa topográfico do Instituto do Territorio da Xunta."






"A información dispoñible na web é moi básica, pero tamén é totalmente gratuíta e permite localizar con facilidade a situación de todas as igrexas"


Leer noticia completa en La Voz de Galicia










venres, 21 de abril de 2017

O PAZO DO CABO DO MUNDO

"Situado na Ribeira Sacra, dentro da comarca de Terra de Lemos, ao sur da provincia de Lugo, o concello do Saviñao é pródigo en historia e en paisaxes naturais. Nesta fermosa xeografía álzase un pazo con moito que contar, pois mostra como se vivía antigamente nesta contorna do Miño. A nobre edificación está situada na parroquia de Fión, no lugar coñecido como O Cabo do Mundo."


"O proxecto iníciase ao principio dunha forma modesta en dúas salas, coa vocación de ir crecendo e facendo museo. a idea foi sempre integrar e combinar os espazos expositivos no interior dos edificios, coa contorna da leira, os xardíns, a horta, as construcións adxectivas, o castro e o bosque; por iso é polo que o propio nome de Ecomuseo xurda da combinación de etnografía, historia e natureza que se dá en Arxeriz."

Noticia completa no Faro de Vigo

xoves, 20 de abril de 2017

MAPA INTERACTIVO DO PATRIMONIO ROMÁNICO DA RIBEIRA SACRA

"A Fundación Xosé Soto de Fión, que xerencia o Ecomuseo de Arxeriz, en O Saviñao, ultima estos días un mapa interactivo no que aparecen reflexadas 72 igrexas románicas situadas tanto na Ribeira Sacra lucense coma na ourensá. Tras catro intensos meses de traballo, según sinalou o xerente da fundación, este proxecto divulgativo estará visible o día 5 de maio, data a partir da que poderá ser consultado a través de internet, na páxina web do museo."


Ler noticia en El Progreso

mércores, 12 de abril de 2017

SOMBRAS, ECOS, OLGAS


Logo dun longo e profundo traballo de rebusca polas corredoiras e calexas da memoria, de remexer en anaqueis e caixóns, unha parte das vivencias de Xosé de Arxeriz (Xosé Soto Rodríguez, Arxeriz 1938) acabaron nas case mil páxinas do libro "Sombras, Ecos, Olgas" que acaba de saír do prelo e que dan fe dunha vida dinámica e reflexiva que non só é testemuña de momentos e situacións clave da segunda metade do século XX, senón que en moitos deles tamén é actor, misturando a acción coa análise.

José Antonio Quiroga Díaz
Director do Ecomuseo de Arxeriz




"QUI LEGIT

(Artigo en La Voz de Galicia do venres 24 de marzo de 2017)

Son insólitas porque, neste tempo de urxencias para os lectores, non é frecuente publicar un libro memorialístico de case mil páxinas, magnitude que recorda ás Memorias de Churchill. Pero hai outros datos que fan o volume de Xosé Arxeriz un libro insólito, incluso no mesmo título, Sombras, ecos, olgas, onde, ante o terceiro substantivo, olgas, o propio autor sentiu a obriga de explicalo na primeira páxina ("pegueiras que un deixa na neve ó camiñar por ela"). Quizais algún lector considere insólito ou moi pouco frecuente o nome do autor, Xosé de Arxeriz, en realidade pseudónimo de Xosé Soto Rodríguez, nado no ano 1938 en Arxeriz, da parroquia de Fión, no concello de Saviñao. De feito, quen edita este grosísimo volume é a Fundación Xosé Soto de Fión. Nestas memorias, sempre ou case sempre de contido moi político, hai algunhas páxinas protagonizadas, mesmo no Xapón, por un gaiteiro: o propio Xosé Soto, que pertenceu, nos sesenta, ao Ballet de Luisillo. Os vellos amigos aínda lle chamamos Pepiño o da gaita.
Eu creo que estas memorias iniciounas o autor hai dez anos, en abril do 2007, a data na que lle escribe a primeira carta á profesora Ana Acuña, daquela mergullada na elaboración da súa interesantísima tese de doutoramento Facer literatura galega en Madrid. Como Xosé Soto estivo moi presente no grupo Brais Pinto, na UPG madrileña, nas clases de cultura galega do Club de Amigos de la Unesco, na cátedra do Ateneo dirixida por Celso Emilio Ferreiro..., escríbelle á dilixente doutoranda máis de trinta cartas, algunhas moi longas, nas que lle dá noticia circunstanciada de cantos, en Madrid, escribían e predicaban en galego e de cantos facían activismo cultural ou político no nome de Galicia: Ben-Cho-Shey, Bautista Álvarez, César Arias, Méndez Ferrín, Reimundo Patiño, Rafael Taibo, Carmiña Graña, Juan Soto, Ramón Lorenzo, Ramón e Mariví de Valenzuela... Hai mencións distintas, desde Enrique Tierno Galván, fundador do Partido Socialista Popular (un dos varios partidos nos que militou Xosé Soto) ata o xeneral franquista Constantino Lobo Montero, dirixente do Centro Galego de Madrid.
Ás veces a pluma memorialística de Xosé de Arxeriz viaxa polas Canarias, por Alemña ou por Arxentina, onde se beneficia da erudición de Ricardo Palmás e dos moitos saberes de Luís Seoane. Moitos nomes, moitos feitos... Unha fartura de datos e noticias!"

Xesús Alonso Montero
Presidente da Real Academia Galega


mércores, 29 de marzo de 2017

ESCAVACIÓNS NA RIBEIRA SACRA

No sur da provincia desenvólvense na actualidade dous proxectos arqueolóxicos centrados en xacementos castrexos e promovidos por entidades privadas. Un deles ten por escenario o castro de Arxeriz, situado nos terreos do museo do mesmo nome, no concello de O Saviñao. Dende o 2013, a Fundación Xosé Soto de Fión  - propietaria do museo - desenvolveu catro campañas de escavacións nas que se puxo ó descuberto un importante conxunto de construcións e numerosas pezas arqueolóxicas.
(...)

A medida que se realizaron as escavacións en Arxeriz fóronse consolidando as estruturas desenterradas para amosalas ao público, de xeito que os visitantes do museo poden ver todo o que saiu á luz e comprobar cómo avanzan os traballos dun ano para outro.

Noticia completa en La Voz de Galicia




mércores, 22 de febreiro de 2017

NO MUSEO DE ARXERIZ HAI MOITO MÁIS DO QUE O PÚBLICO PODE VER


"As numerosas pezas representativas da cultura material da Ribeira Sacra que se exhiben actualmente no Ecomuseo de Arxeriz -no municipio de O Saviñao- están lonxe de constituir a totalidade dos fondos do centro. Nos seus almacéns gárdanse ademais moitos outros materiais que nunca foron mostrados aos visitantes e que están a se inventariar na súa maior parte. A Fundación Xosé Soto de Fión, propietaria do museo, iniciou nos pasados días unha operación de catalogación destas pezas con vistas a unha futura ampliación das súas instalacións."
(...)
"O museo realizou un intenso labor de recolección de materiais de valor etnográfico antes de abrir as súas primeiras salas ao público, no 2004. Pero a recollida seguiu levándose a cabo de forma máis ou menos continuada desde entón ata hoxe e a colección gardada nos almacéns non deixou de medrar en todo este tempo. Xunto coa do museo etnográfico municipal de Quiroga, este é o conxunto máis amplo de elementos de cultura material tradicional da Ribeira Sacra lucense que existe na actualidade."

Noticia completa en La Voz de Galicia















domingo, 5 de febreiro de 2017

VIAXE VIRTUAL POLO PATRIMONIO ROMÁNICO DA RIBEIRA SACRA

"A Fundación Xosé Soto elabora un mapa virtual e interactivo que recolle as 73 igrexas románicas máis destacadas da Ribeira Sacra. O seu obxectivo é divulgar na rede esta riqueza patrimonial."


Noticia completa en El Correo Gallego

mércores, 18 de xaneiro de 2017

A NATUREZA COMO RECLAMO PARA O VISITANTE

"A dirección do ecomuseo de Arxeriz planifica para este ano unha ruta polo seu bosque para divulgar a vexetación típica da Ribeira Sacra.
O centro conta cun terreo de 35Ha., das cales 25 están ocupadas por árbores autóctonas, sobre todo carballos e castiñeiros."
"Algúns dos carballos situados na entrada do ecomuseo son centenarios, un deles acada os 400 anos de existencia."
"Pero non só de carballos e castiñeiros se compón o espazo natural do Ecomuseo de Arxeriz. Nel tamén hai freixos, salgueiros, sobreiras, abelairas, bidueiros, cedros ou acivros."


"Nos anos 90, o ecomuseo de Arxeriz procedeu á repoboación dun bosque onde reinaban piñeiros e eucaliptos desde os 60."

Noticia completa en El Progreso


domingo, 8 de xaneiro de 2017

O Ecomuseo de Arxeriz convida ás escolas a coñecer a cultura fluvial do Miño


O Ecomuseo de Arxeriz deseñou unha unidade didáctica dirixida a escolares de primaria para que coñezan a cultura fluvial do Miño, dende Portomarín ata Os Peares.



El Progreso