mércores, 15 de novembro de 2017

OS CARACOCHOS

Imos falar dunha tipoloxía de cubetes que por estaren feitos dunha soa peza, un tronco de castiñeiro baleirado no seu interior, reciben o nome de caracochos. 
Foron moi utilizados ata a primeira metade do século XX na zona vitivinícola que coñecemos como Ribeira Sacra, atopándose en calquera tipo de adega desde as máis sinxelas e pobres ata as adegas de casas grandes.

Un caracocho é, literalmente, un tronco de árbore oco; fundamentalmente están feitos de troncos de castiñeiros pola combinación de  duración e facilidade de vaciado que ofrece esta madeira.

O proceso de elaboración é sinxelo: a árbore córtase en lúa vella e coa savia baixa (normalmente en xaneiro) co fin de aproveitar a súa madeira nalgún aspecto construtivo (vigas, táboas,mobiliario, cubas,etc); resérvase unha parte do tronco para facer un cubete, segundo as necesidades e posibilidades de cada quen, que serviría para gardar o viño.
Estes cubetes teñen, entre outras características, seren distintos uns de outros tanto en capacidade como en forma exterior xa que non hai dous troncos iguais; así, na colección do Ecomuseo temos caracochos que van desde os 40 cm ata 90 cm de diámetro e desde 55 ata 1,20 cm de alto.



Colección de caracochos do Ecomuseo de Arxeriz



Esta técnica construtiva hai que encartala dentro dunha economía de subsistencia onde cada unidade familiar traballaba arreo para a mantenza da mesma e a ser posible obter un pequeno excedente co que intercambiar produtos ou ben ter acceso a outros bens. Utilizábanse tódolos elementos naturais do entorno para dotar a esa unidade dos elementos básicas cos que desenvolver a vida cotiá.

Caracocho con arcos de ferro


O habitual era que un carpinteiro da zona fixese todo o proceso, desde o traballo de baleirar o tronco do castiñeiro ata ensamblar os tempos (a parte máis complexa). Para facer a peza seleccionábase unha parte do tronco cunhas características de certa uniformidade exterior e que estivese en bo estado, sen demasiadas feridas, nudos ou fendas e a partires de ahí iniciábase o proceso de baleirado comezando polas cabezas do tronco; as primeiras capas sácanse con cuñas de madeira e coa machada en forma de cuña e logo rematábase o baleirado con distintos tipos de aixolas ata deixar o  interior uniformemente oco e cun grosor de  entre 3 e 4 cm segundo a envergadura do cubete.






Logo está o proceso de pechar os extremos que reciben o mesmo nome que nos cubetes ou cubas de táboas, son os tempos: táboas feitas con un compás para teren un deseño e encaixe perfecto e que pechan as cabezas do caracocho formando un círculo e encaixando nun rebaixe, o garguelo, feito a 3 cm da boca do tronco (a táboa cunha parte semicircular denomínase rodo).


                             
Á esquerda e dereita diferentes vistas sobre un garguelo

Na metade da lonxitude do tronco abríase unha boca rectangular e o resto utilizábase de tapa; cun berbiquí facíase un buraco para colocar a canela por onde sacar o viño e que adoitaba estar feita de sabugueiro a modo de tapón con outro oco no centro que logo tapaba unha billa preferentemente feita de tronco de toxo e que era a que servía para abrir e pechar a saída do viño.


Boca dun caracocho


Boca con tapa



Canela

Ó caracocho xa rematado, póñenselle uns aros de ferro que axudan a evitar fendas no tronco e a amparar a estrutura, dous ou catro aros por tronco e o caracocho pasaba a ser un cubete que, segundo o tamaño servía para facer viño pero principalmente para gardalo logo da trasfega e ilo consumindo ao longo do ano.

Tamén hai caracochos feitos para dar acubillo a un enxamio de abellas e sacar unha colleita de mel; neste caso o procedemento para baleirar o tronco é similiar ó destinado para o viño, só que para esta función déixanse os extremos do tronco abertos; no interior colócanse  unhas varas en forma de cruz na parte central do tronco, axustándoas nun pequeno oco de asento, sobre elas vaise pousar o enxamio; o tronco ponse ergueito nun lugar ben orientado e cóbrese cunha lousa, deixando a entrada por unha fendidura na parte inferior.

Os caracochos deixaron de facerse a partir da segunda metade do s.XX e seguíronse usando ata os anos 70/80, momento no que se comezou a xeneralizar o uso de outro tipo de recipietes feitos de outros materiais, quedando arrinconados no olvido das vellas adegas ou sendo reutilizados para outros fins moi distintos. 
Hoxe é difícil atopalos e coa súa desaparición tamén se foi unha tecnoloxía tradicional e un modo de vida e producción que tiña no seu entorno boa parte das cousas que necesitaba para desenvolverse.

domingo, 29 de outubro de 2017

O CASTRO DE ARXERIZ ABERTO Ó PÚBLICO

Os traballos de consolidación dos restos exhumados no castro de Arxeriz durante esta V campaña de escavación xa deron por finalizados.
Os visitantes do Ecomuseo de Arxeriz poderán achegarse no horario de apertura ó público ata o xacemento para poder ver os avances levados a cabo durante estes dous meses.



Noitica completa en La Voz de Galicia

domingo, 22 de outubro de 2017

RESULTADOS DA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓN NO CASTRO DE ARXERIZ 2017


A mediados do mes de agosto daba comezo a V campaña de escavación do castro de Arxeriz promovida pola Fundación Xosé Soto de Fión.
Este castro, do que a primeira referencia a atopamos en 1953 na obra “Los castros de la tierra del Saviñao” escrita por Cuevillas e Fraguas, presenta unha serie de características que o fan único ata o de agora.

O que se pretendía este ano era a ampliación do sector 5, cara o sur deste sector e cara o oeste, co fin de exhumar as dúas estruturas que na campaña anterior quedaran parcialmente descubertas e, á súa vez, abrir un novo sector que axudase a definir máis a ocupación na zona da croa.

AMPLIACIÓN DO SECTOR 5
En total estamos a falar dunha superficie total aproximada de 140 m2 e dun tempo de traballo de campo de 6 semanas.

PANORÁMICA AMPLIACIÓN SECTOR 5
SECTOR NOVO




Os resultados obtidos foron moi positivos xa que no sector 5 ademáis de exhumar de forma completa as estruturas parciais, apareceron dúas novas, e no novo sector suman un total de 3. 

PANORÁMICA DO SECTOR NOVO GRANEIRO
A maior parte delas correspóndense con un tipo de estruturas que non son nada habituais neste tipo de asentamentos, os graneiros, lugares de almacén con unha disposición moi específica: a colocación no chan de 9 bases de pedra sobre as que hipotéticamente se colocaría un entarimado de madeira para illar o gran da humidade, á vez que as paredes estarían recubertas dunha masa arxilosa que axudaba a conservar tamén a temperatura.
En todas as campañas que se realizaron (2013-2017) as estruturas que foron aparecendo correspóndense coa mesma tipoloxía: forma rectangular e/ou cadrada de esquinais curvos.

DETALLE PERFIL SECTOR 5
Os materiais atopados corréspondense sobretodo con cerámicas características deste tipo de asentamentos e que a penas presentan decoración; varias fusaiolas, algunha delas decoradas e outras reaproveitadas; un par de fíbulas de bronce; muíños de man e varios afiadores entre outras.


FUSAIOLA CON DECORACIÓN CASTRO DE ARXERIZ



Unha vez rematado o proceso de escavación comezouse outro proceso igualmente importante, a consolidación das estruturas que permite protexelas do paso do tempo; utilizouse para elo un morteiro que imita ao existente nos paramentos das construcións orixinais, tanto en composición como en cor e textura.

VISTA GRANEIRO AMPLIACIÓN SECTOR 5
A Fundación, a partir deste ano, tratará de afondar máis na investigación deste asentamento para poder aclarar o motivo desta especialización no cereal e para aportar máis datos sobre a cultura castrexa que permitan avanzar no coñecemento destes asentamentos da Idade do Ferro.



sábado, 7 de outubro de 2017

A FÍBULA DO CASTRO DE ARXERIZ


No Ecomuseo de Arxeriz temos á venda un recordo único: a réplica dunha das fíbulas atopadas no castro de Arxeriz, concretamente, na campaña realizada durante o ano 2015.
Esta peza foi realizada en bronce patinado e reflicte tódolos detalles da peza orixinal.
É unha fíbula do tipo transmontano, característica do período entre os séculos III ó I a.C.

Noticia de La Voz de Galicia

venres, 6 de outubro de 2017

ARXERIZ, UN CASTRO QUE PODE CAMBIAR A HISTORIA DA ROMANIZACIÓN

Durante esta semana estase a traballar na consolidación dos restos desenterrados durante esta V campaña de escavación.
Entre estas estruturas "destacan los vestigios de cuatro construcciones similares a otras cuatro que fueron exhumadas con anterioridad y que según todos los indicios se utilizaron como almacenes de grano. La abundancia de estos graneros supone un caso único en los castros gallegos y, según los responsables del museo, puede llevar a replantear las ideas actuales sobre la cultura castreña y los inicios de la romanización en Galicia".


 Noticia completa en La Voz de Galicia

venres, 28 de xullo de 2017

O PRIMEIRO ALBERGUE DE PEREGRINOS DA COMARCA DE LEMOS

A Fundación Xosé Soto de Fión vén de presentar nas oficinas municipais do concello de O Saviñao o proxecto para abrir un albergue no edificio que, no seu día, serviu de escola no lugar de Arxeriz, Fión; situado a uns centos de metros do Camiño de Inverno.


O proxecto contempla a adecuación do vello edificio para dotalo de 24 prazas mailos servizos correspondentes de comedor, cociña, sala, baños e lavandería. Na parcela acondicionarase unha zona axardinada con algunhas árbores máis que proporcionen sombra, ademais poderá seguir sendo utilizada como campo da festa da parroquia.
Consideramos que o paso do Camiño pola zona vai axudar a dinamizar socioeconómicamente os lugares polos que pasa, pero para que isto sexa unha realidade necesítanse unha serie de infraestruturas e condicións que doten ao Camiño de elementos propios que o fagan atractivo para os camiñantes. Cómpre unha boa sinalización, hai que subliñar que este aspecto é o que se atopa máis avanzado, non é así no caso do acondicionamento da ruta que se debería atopar en perfectas condicións; isto non se cumpre en varias zonas limítrofes entre os concellos de Pantón e O Saviñao.
En terceiro lugar consideramos que para que o Camiño acabe consolidándose como unha importante ruta de peregrinación a Compostela debe dispoñer de instalacións coma os albergues que lle permitan aos camiñantes realizar e planificar os seus desprazamentos con comodidade. Neste aspecto queremos contribuir a potenciar o Camiño de Inverno e situar a parroquia de Fión como punto de referencia nesta ruta, xerando unha dinámica socioeconómica no medio rural como un dos xeitos de crear emprego e frear o despoboamento da zona.

Máis información nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia

domingo, 16 de xullo de 2017

OLA DE MAZAR O LEITE

Unha das tarefas fundamentais que se leva a cabo dende o "Ecomuseo de Arxeriz" é a e recuperación do patrimonio material e inmaterial do rural galego.
Esta misión comezouse antes de que as portas deste centro se abrisen no ano 2004, e, na actualidade, continúase a percorrer aldeas e vilas na busca das pezas que conservan as pegadas da historia dos nosos antergos, ademais de recoller os testemuños dun pasado case esquecido.
A peza que vos queremos presentar neste artigo é a última adquisición do Ecomuseo de Arxeriz que foi mercada a Eliseo Ribas; él mesmo infórmanos de que a ola sempre estivo na casa e que pertenceu aos seus avós, Ramona López e Antonio Expósito de Carrasqueiras, parroquia de Vilatán (O Saviñao).
Posiblemente, esta ola foi mercada polos seus antepasados en algunha das feiras que se celebraban no rural galego; a de máis sona na contorna era a de Augas Santas (Pantón), feira anual que cada 8 de setembro se ateigaba de oleiros e cacharreiros de Gundivós e Niñodaguia e das xentes da contorna que acudían a mercar o enxoval da casa.


Polas características que presenta, esta ola enmarcariámola na terra de Maceda, olería tradicional que se segue a conservar no concello de Montederramo (Ourense). Está composta por unha ola sen asas que presenta un vidrado propio, estas pezas eran introducidas no "baño" ata os límites do colo. E na parte superior, en madeira, está colocado o mazo (mango, parafuso, mazarico ou maza) e a rodela.

Esta peza era utilizada para "mazar o leite":

"Mázase dándolle arriba e abaixo, ata que se separe a manteiga do soro. (...) Segundo Xaquín Lorenzo, tamén elaboran manteiga batendo leite morno ata separar unha parte líquida, -o leite mazado, que tamén toman- e unha parte callada, que logo amasan como a nata. A manteiga obtida por calquera dos procedementos póñena nunha bóla, chamada pela, baluga ou petela, que envolven nunha folla de berza. Se non a consomen ou venden fresca, cócena para conservala máis tempo." MARIÑO FERRO, X.R.; GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.; "Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza", Vigo, 2010, p.234.



"Facer o leite" es una expresión equivalente a "mazar o leite". Con ello se quitaba la manteca a la leche, que era muy estimada, para vender en las ferias y en una pequeña parte para consumir en la propia casa. Retirada la manteca, quedaba "o leite mazado", o suero, que en la opinión de aquellas gentes era muy sabrosa y sana, al faltarle la grasa. No servía para hervir, pero "en frío" se echaba en los cachelos o se tomaba con pan en las "tazas", o como simple bebida para apagar la sed."
GARCÍA ALÉN, L.; "La alfarería de Galicia", A Coruña, 2008, p.205.